A Cerámica de Sargadelos xurdiu da iniciativa ilustrada de Antonio Raimundo Ibáñez nos primeiros anos do século XIX, coa inauguración dunha fábrica de louza nesa parroquia do concello de Cervo (Lugo) no ano 1806. Nado na bisbarra asturiana dos Oscos, o 17 de outubro de 1749, Antonio Raimundo Ibáñez foi unha figura senlleira da nosa primeira industrialización. A súa personalidade emprendedora levouno, desde a súa mocidade, a desenvolver actividades innovadoras, como a explotación de roteiros comerciais entre Ribadeo e Cádiz ou o Báltico, coas que puido constituír a 'Real Compañía Maritima' en 1788.

Previamente á inauguración en 1970 do novo Sargadelos en Cervo (Lugo), o complexo industrial de Cerámica do Castro, iniciou as actividades en 1949. Preto dun antigo castro celta no concello de Sada (A Coruña), ergueuse a primeira fábrica da nova Sargadelos, na que se volveu a producir cerámicas feitas coas terras do norde lugués.

Logo de experimentar técnicas e deseños diferentes, acadaron por reproducir en series moi limitadas figuras orixinais de artistas plásticos, utilizando estas terras galegas, coas que se obtiña unha pasta fina, translúcida de gran dureza e brancura, que poideron presentar xa no ano 1951 en Galicia, Madrid e Barcelona.

En 1955, o interese suscitado polas experiencias do Castro permitiu a creación dunha proxección súa en Argentina, a 100 quilómetros de Buenos Aires, onde se montou a Fábrica de Porcelanas A Magdalena, que mantivo o proceso productivo durante máis de trinta anos. Este proxecto transoceánico serviu tamém, para interesar aos intelectuais galegos exiliados na Argentina desde o final da guerra civil española na intención de traballar pola recuperación económica e cultural de Galicia, que se plasmou en 1963 coa creación do Laboratorio de Formas.

Mentres O Castro en 1960, contruíu unha nova pranta incorporando á súa producción deseños entroncados con motivos abstracto-xeométricos tomados do románico e do barroco galegos, ou as formas que, dalgún xeito, gardan un paralelismo co simbolismo formal da arte románica.

En 1963, Cerámicas do Castro e o Laboratorio de Formas asinan un convenio para, a creación do Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro e outras institución ideadas para traballar na recuperación da memoria histórica de Galicia.

En 1968, principiaron as obras da factoría de Cervo (Lugo), trala constitución da sociedade Cerámica de Sargadelos, comezando deseguida a fabricación das primeiras pezas. Tratábase de restaurar nesta nova etapa o espírito de empresa do antigo Sargadelos, a súa concepción ética da empresa, afastada de calquera tentación especulativa.

Sargadelos fora concibida como unha asociación de recursos propios para, engadíndolles valor, poder satisfacer necesidades auténticas. A empresa de máis alento e prestixio do noso pasado industrial gardaba esta virtude fundamental que era necesario recuperar.

Así pois, Cerámica do Castro e o Laboratorio de Formas de Galicia, puxeron en marcha os proxectos que cristalizaron cun sector experimental en 1968, e coa inauguración da planta circular de Sargadelos o 10 de maio de 1970. A concepción deseñística da nova andaina de Sargadelos está claramente diferenciada da etapa anterior. Son conceptos do noso tempo, máis en consonancia coa realidade diferenciada e esencial do carácter galaico.

Sargadelos forum


: *
(no se requiere)*


Comentarios (0)